Un proxecto de Egeria

  • Viveiro

Manuela Barreiro Pico

Primeira muller matriculada na Universidade de Santiago de Compostela (1896). Primeira licenciada en Galicia (1900). Polo tanto, primeira licenciada en Farmacia na nosa comunidade, e sétima en España. Primeira muller que acatou o título de Bacharelato no Instituto de Lugo (1896).

Seguramente todos temos lido e escoitado falar das irmás Elisa e Jimena Fernández de la Vega como as primeiras mulleres na Universidade galega. Con todo, ese lugar correspóndelle realmente a Manuela Antonia Barreiro Pico.

Os estudos da catedrática da Universidade de Sevilla Consuelo Flecha García, publicados no seu libro “Las primeras universitarias en España, 1872-1910”, sitúan a Manuela como a primeira alumna da Universidade de Santiago de Compostela e a primeira licenciada en Farmacia en Galicia, así como unha das primeiras de España.

A primeira muller licenciada en Farmacia segundo o Anuario da Facultade de Farmacia de Santiago de Compostela (2007) é María Eugenia Pereira Rodríguez, de O Carballiño (Ourense), que obtén o título no ano 1921 (11 anos despois que Manuela). Por suposto que se está referir á ensinanza oficial, de acordo coa Lei de 1910, sen ter en conta o acontecido coa ensinanza non oficial anteriormente. Non contempla, polo tanto, os permisos solicitados aos correspondentes ministerios (Ministerio de Fomento ou Ministerio de Enseñanza Pública y Bellas Artes, segundo o ano), que permitiron ás mulleres examinarse, obter o título e desenvolver a súa profesión.

Pero para entender a importancia e significación do feito de ser a primeira licenciada en Farmacia temos que ver como era a vida e a ensinanza das mulleres en Ribadeo naqueles tempos nos que Manuela rematou a súa carreira de farmacéutica.

A sociedade ribadense a finais do século XIX e comezos do XX

Ribadeo naqueles tempos era unha vila en progreso, con moita actividade. As fontes de riqueza a finais do século XIX eran o comercio portuario, realizado por barcos de vela, a pesca e a agricultura.

Os desprazamentos entre vilas facíanse con coches de cabalos (carrilanas), polo que desprazarse desde Ribadeo a Santiago supoñía más dun día de viaxe.

O telégrafo (primeiro) e o teléfono chegaron no século XX, así como os autobuses.

O primeiro terzo do século XX foi época de desenvolvemento e modernidade, aos que contribuíron a Sociedade Mineira de Vilaodriz e o cargadeiro de mineral no porto de Ribadeo. Estaba en auxe a construción de edificios públicos (Círculo Habanero, Escuela Agrícola Pedro Murias, Cantón, Torre de los Moreno, Plaza de Abastos, Iglesia de la Orden Tercera, Cemiterio…) coas doazóns das fortunas americanas, coas que tamén se construíron vivendas privadas.

Ribadeo foi centro administrativo e de servizos, cabeceira de Partido Xudicial, da Comandancia de Carabineiros e da Axudantía da Marina. Tamén contou con Rexistro da Propiedade, Notaría e Oficina de Aduanas.

Creáronse os partidos políticos, os primeiros sindicatos e as sociedades recreativas (Casino, Concordia, Ateneo, Sociedad Filantrópico-Dramática…), a Biblioteca Popular Circulante, a Congregación-Patronato da Inmaculada e de San Luís Gonzaga, a Juventud Católica e o Ribadeo Fútbol Club.

No relato de todas estas actividades figuran homes relevantes da vida ribadense, e non se cita a Manuela Barreiro como a importante muller que foi, ao ser a primeira bacharel, a primeira universitaria galega, a primeira licenciada, e a primeira farmacéutica de Galicia. Si hai mención a algunhas mulleres dedicadas ás obras de beneficencia, ao teatro ou á música (actuaban na vila ou tocaban o piano nas sociedades). Existe, iso si, unha mención a Manuela nun pequeno recadro dentro dunha páxina do xornal El Magisterio Gallego (5 de Agosto de 1897) cando estudaba a carreira universitaria.

Neste desenvolvemento da sociedade hai, non obstante, un movemento a favor dunha mellora na situación das mulleres, que supuxo que algunhas, como Manuela, se decidisen a rachar coas limitacións que sufrían polo seu xénero. Isto levounas a participar de xeito máis activo nas actividades da sociedade, lonxe da case obrigada reclusión no fogar.

Biografía

Manuela Antonia naceu en Viveiro o 5 de xullo de 1877, e morreu en Madrid o 29 de xaneiro de 1953.

Naceu no edificio do antigo convento de San Francisco, onde vivía seu avó materno, don Justo Pico de Coaña y Vijander, mestre de Instrución Primaria en Viveiro durante máis de tres décadas e eminente pedagogo galego do século XIX. Súa avoa foi Manuela Alvarez Carballido, de San Jorge de Piquín (Meira, hoxe Ribeira de Piquín), que foi ama de casa.

Seu pai, Facundo Manuel Barreiro Arias, nado no ano 1852 en Santiago de Piugos, en Lugo, e que viviu no barrio da Ponte nesta cidade, era fillo de Pedro Barreiro, de San Pedro de Calde e de Josefa Arias, natural de San Remigio de Bazar. Facundo Manuel foi mestre de Primeira Ensinanza en Viveiro, onde coñeceu á súa muller, e mestre de Normales en Ribadeo. A súa nai, María del Carmen Inés Pico Álvarez, natural de Vilanova de Lourenzá, foi ama de casa.

Manuela tivo tres irmáns: Justo (1875, avogado), Emilia (1881, ama de casa) e Inés (esta morre en 1901).

A súa vida transcorreu en Ribadeo, onde seu pai foi mestre. Viviron nunha casa a carón da Aduana, desaparecida hoxe en día.

Ensinanza Primaria

Manuela estuda a Ensinanza Primaria en Ribadeo. É moi probable que acudise á escola de nenas, onde estaba de mestra dona Enriqueta Sánchez Conde. Tamén é de supoñer que seu pai e seu avó exerceron alí de mestres. Crese que a escola de nenas estivo por aqueles tempos nos locais do refectorio do antigo convento de San Francisco, ou na antiga Aduana (barrio da Atalaia), xa que alí estivo tamén a dos nenos.

Bacharelato

Ribadeo tiña un colexio privado de Ensinanza Secundaria xa no ano 1858, o Colexio de San Luís, polo que é posible que Manuela se preparase en dito centro (entre 1890 e 1893) para despois examinarse do Bacharelato no Instituto de Segunda Enseñanza de Casariego de Tapia (Asturias). Este centro funcionou desde 1867 ata 1901. A primeira apertura de curso tivo lugar o 16 de setembro de 1867, con solemne inauguración ao día seguinte. A falla de medios materiais implicou a súa supresión (Real Decreto do 25 de outubro de 1901).

Despois Manuela traslada o seu expediente ao Instituto de Segunda Enseñanza de Lugo, para examinarse nos cursos 1893-94 e 1894-95 por ensinanza non oficial, non colexiada. Naqueles tempos o Instituto de Segunda Enseñanza de Lugo atopábase nos locais da Deputación Provincial de Lugo. É probable que os exames os fixesen en Ribadeo, a onde se desprazaba un tribunal para a ocasión.

Manuela fixo os exames de grao de Bacharel o día 3 de xullo de 1895, coa cualificación no primeiro e no segundo exercicio de Sobresaliente, obtendo o título no ano 1895.

Non hai documentación que acredite que algunha muller galega teña conseguido este título antes desa data, polo que Manuela sería a primeira en acadar o título de Bacharelato.

Estudos universitarios

De acordo cos antecedentes apuntados, en 1896 Manuela Barreiro tivo que solicitar permiso para poderse matricular en Farmacia, mentres os homes o facían sen ningún problema.

Como menciona Consuelo Flecha no seu libro, “hasta Ribadeo llegarán las dificultades para ejercer su profesión las mujeres tituladas, y es por lo que antes de realizar la matrícula se decidieron a realizar una consulta al Director General de Instrucción Pública sobre esta cuestión”.

A suplica feita polo pai e a estudante para que “se dignara resolver la petición relativa a autorización para obtener el título y ejercer la profesión terminados sus estudios”, foi respondida cun sinxelo “se le autoriza a seguir los estudios siempre que haya hecho la matrícula correspondiente y en cuanto que los catedráticos respondan del orden de las clases”.

Parece que a resposta non corresponde co obxecto da consulta. Consuelo Flecha comenta que seguramente se fixo un tratamento burocrático da solicitude, coma as doutras mulleres, ou ben non leron a instancia, ou incluso que foi froito da dificultade para comprometer unha decisión política e administrativa naquela época. En calquera caso, a alumna puido matricularse con este permiso.

Estudos de Farmacia

Manuela fixo os estudos Farmacia entre os anos 1896 e 1900 na Facultade de Farmacia de Santiago de Compostela, que tiña a súa sede no Colexio de Fonseca, un pazo do século XVI. Os estudos previos facíanse na Facultade de Ciencias.

Non foron doados os comenzos da súa carreira nunha sociedade que rexeitaba a presenza da muller na Universidade.

Os escritos da época falan de xente agardando ver pasar pola rúa a unha muller con libros cara a Facultade. Neses anos as mulleres terán que agardar polo profesor (ou polo bedel) na porta do seu despacho, e entrar na aula con el para, unha vez alí, sentar illadas na mesa do profesor. Ademais, as mulleres non debían andar soas polas rúas, e tiñan que ser acompañadas ata o centro por algún familiar ou persoa adecuada.

Como mostra, engadimos a recensión ou comentario na revista La Farmacia Moderna (5 de febreiro de 1897, tomo VIII, páxina 58) no primeiro ano dos seus estudos universitarios, que deixa patente a opinión xeralmente establecida sobre os estudos das mulleres, e máis en concreto sobre o acceso á Universidade para adicarse as ciencias naturais: “Pierden el tiempo, el dinero y algo más, que siempre constituyó la mejor aureola de las damas, las familias que tienen el mal gusto de dedicar a sus hijas al manejo del bisturí ó a los trabajos de laboratorio”, incidindo tamén no interese e o permiso dos pais para facer eses estudos.

No tempo dos seus estudos Manuela viviu con súa nai e seu irmán Justo (estudante de Dereito) en Santiago, no número 11 da rúa da Caldeirería, unha vivenda moi sinxela de dúas plantas e cunha ventá por planta.

Como comentamos anteriormente, para realizar os estudos de Farmacia solicita permiso en 1896 ao Ministro de Instrucción Pública (lembremos que ata 1910 non foi posible facelo por ensinanza oficial). Nun escrito dirixido a seu pai o 25 de maio de 1897 desde a Dirección General de Instrucción Pública, dáselle permiso para realizar a matrícula libre do preparatorio da Facultade de Farmacia.

Naqueles tempos a carreira de Farmacia (R.D. 16 de xaneiro de 1886) constaba de tres cursos que permitían obter o grao de bacharel en Farmacia. Os primeiros anos cumpría estudar materias comúns na Facultade de Ciencias, para continuar despois con materias específicas da carreira. Para aspirar ao título de licenciado/a era preciso facer dous anos de prácticas nunha oficina de Farmacia e estudar Práctica de Operaciones Farmacéuticas.

Os alumnos asistían a clase ata o 1 de xuño, data en que comenzaban os exames. Previamente, o profesor presentaba na Secretaría unha lista cos alumnos que, pola súa asistencia a clase e pola súa preparación, xulgaba aptos para facer o exame final.

Este exame final era público e oral, duraba arredor de dez minutos, e versaba sobre tres temas elixidos ao azar. Tiña lugar diante dun tribunal formado polo profesor da materia e outros dous profesores de materias afíns.

No dossier académico de Manuela figuran as instancias de solicitude de admisión que ten que facer cada curso para os exames das materias correspondentes.

  • O 1 de xuño de 1897 solicita ser admitida aos exames de Física, Química, Mineraloxía e Botánica e Zooloxía. Nas catro materias acada a cualificación de Notable.
  • Con data 8 de maio de 1898 solicita ser admitida nos exames de Estudio de los Instrumentos e Mineraloxía e Xeoloxía, nas que tamén acadou a cualificación de Notable.
  • O 31 de agosto de 1898 solicita o permiso para os exames de Botánica Descriptiva e Química Inorgánica, e fai constar que presentou testemuñas nas convocatorias anteriores. Obtivo un Aprobado en Química Inorgánica e un Suspenso en Botánica Descriptiva.
  • O 1 de maio de 1899 solicita o permiso para os exames de Botánica Descriptiva, Química Orgánica e Materia Farmacéutica Vexetal, obtendo un Notable en Química Orgánica e Aprobado nas outras dúas.
  • Para o 1 de maio de 1900 solicita o permiso para os exames de Análisis Químico, Farmacia Práctica e Prácticas de Materias. Nesta última acada a cualificación de Notable, e nas outras dúas a de Aprobado.

En resume, completou os seus estudos cunhas moi boas notas.

Licenciatura

Manuela obtivo o grao de Licenciado nos exames do 25 de xuño de 1900. Este feito é recollido na “Gaceta de Galicia” (Santiago de Compostela) do 28 de xuño de 1900.

Tamén nesta ocasión Manuela ten que solicitar que lle sexa expedido o título de Licenciada. Na resposta recibida á súa solicitude di: “….S. M. el Rey q. D.G. y en su nombre la Reina Regente del Reino se ha servido a acceder a lo solicitado concediendo a dicha Señora autorización para que se le expida el título de Licenciado en Farmacia, toda vez que cursó los estudios necesarios en la referida Universidad y en la misma recibió el grado de la Licenciatura …”

O 30 de abril 1901, no xornal “El Eco de Santiago” (ano VI, número 1840), foi publicada a nova da súa licenciatura. Dábanlle felicitacións polo seu bo expediente e así mesmo celebraban o triunfo do feminismo, algo rechamante na época na que se escribiu.

Coa Real Orde de que lle sexa concedido o Título de Licenciada fixo o correspondente depósito do título, pagando 755 pesetas en papeis de pago do Estado o 12 de novembro de 1901. Obteno o 16 de decembro de 1901.

O título orixinal perdeuse, e temos o documento de remisión do mesmo ao Negociado de Títulos da USC.

Oficina de Farmacia

Manuela obtén o seu título en 1901, e nese mesmo ano solicita permiso ao Ministerio de Enseñanza Pública y Bellas Artes para exercer a profesión na que acadou a Licenciatura. O escrito de solicitude é recollido do expediente académico de Manuela por Consuelo Flecha, que o publica no seu citado libro: “En años académicos y en públicos exámenes acreditó su suficiencia en los estudios realizados, lo que debe habilitarle para el ejercicio de una profesión que siempre creyó propia a su sexo y en la que pretende hallar ocupación útil para sí y para la sociedad”.

Este convincente escrito fixo que lle fose concedida “la autorización para ejercer la profesión de farmacéutico”.

Posteriormente, no ano 1903, solicita permiso municipal para abrir a oficina de Farmacia en Ribadeo (Lugo). Recentemente na páxina web do Arquivo Histórico do Concello de Ribadeo foi posto como documento destacado o expediente de apertura da Botica e a licenza de apertura da Farmacia.

É un documento manuscrito de 39 páxinas onde se nos mostra unha relación de máis de catrocentas sustancias e 34 aparatos de laboratorio. É unha boa mostra do que se utilizaba na época. Tamén está o plano da farmacia.

Así o recolle a documentación que obra en poder do Concello de Ribadeo: “Sesión supletoria del día nueve, celebrada el once de Junio de mil novecientos cuatro por el Excmo. Ayuntamiento de Ribadeo en su Casa Consistorial.

También se dio cuenta de la del Sr. Subdelegado de Farmacia y Secretario del Ayuntamiento que importa treinta y siete pesetas cincuenta céntimos por los derechos que le corresponden según lo dispuesto en el art. 48 de la Ordenanza de Farmacia  vigente por reconocimiento y apertura de la Botica de Doña Manuela Barreiro de esta Villa”.

A farmacia foi aberta como “Farmacia Moderna”. O nome parece unha réplica ao escrito feito pola revista de dito nome cando Manuela se matriculou na carreira de Farmacia. Tamén é certo que era un nome de moda naqueles días, xa que atopamos máis farmacias con ese nome.

No padrón do Concello de Ribadeo do 5 de setembro de 1919 a familia figura na rúa Rodríguez Murias, ata 1912 rúa San Roque, no local que hoxe ocupa o Bar Cabás.

O Anuario Médico de 1927 di que tamén tivo farmacia en Viveiro (Lugo), se ben non hai datos que o confirmen, polo que pode deberse ou ben a un erro do anuario ou a que lle cedeu o titulo de farmacéutica a alguén que non o tiña, tal como se facía naquela época.

No Álbum Farmacéutico de 1933 soamente figura a farmacia de Ribadeo.

A apertura da farmacia en Ribadeo é publicada a nivel rexional, e reflectida en nota de prensa en “El Noroeste” (La Coruña, ano VIII, número 5145) o 25 de xullo de 1903.

Tamén e recollida polo xornal “El grano de arena” de Mahón (número 632, ano XV) o 12 de agosto de 1903, cunha felicitación e ánimo a outras mulleres para seguir o mesmo camiño.

Tamén aparece no xornal “El Adelanto, Diario de Salamanca”, (ano XIX, número 5778) o 19 de agosto de 1908 unha nota de prensa referida aos servizos ofrecidos por Manuela en Ribadeo.

Máis adiante a farmacia cambiou de localización, e dito cambio aparece reflectido o 9 de decembro de 1910 na seguinte nota do xornal “El Eco de Santiago: Diario Independiente” (ano XXI, número 9070).

En moitas ocasións o xornal ”Las Riberas del Eo: Periódico de información galaico-asturiana” publica a súa actividade como farmacéutica (a imaxe corresponde ao número 2772, do 21 de xullo de 1928).

Na súa botica desenvolveu unha gran cantidade de preparacións orixinais que tentaban paliar a escaseza de medicamentos específicos orixinada pola Guerra Mundial, así como formulacións receitadas polos médicos.

A vida en Ribadeo

Manuela pasou a súa vida en Ribadeo e viviu no piso de enriba da Farmacia. Tamén viviu no segundo piso da Torre de los Moreno, construída en 1915. A súa irmá Emilia casara con Pedro Martínez Moreno (avogado e exdeputado provincial), da familia dos Moreno, que morreu o 1 de outubro de 1932.

Estas fotografías amosan a relación de Manuela coas súas amigas, nunhas imaxes informais, a primeira nun baile de disfraces no Casino (ela é probablemente a da dereita, de perfil) e outra diante da fonte que tiña Ribadeo no seu parque, e da que hoxe só queda o borde de pedra. A continuación, foto con familia e amigos no Club Náutico.

Estas fotos foron localizadas polos nosos colaboradores en Ribadeo: Montserrat Iglesias (farmacéutica), Benito García, Alberto Fernández e Fernanda Sela. Foron atopadas na casa de Sela, e foi ela quen identificou a Manuela, xa que a coñeceu cando era nena. Algunhas das fotos foron doadas pola sobriña-neta de Manuela, María Teresa Barreiro.

Farmacéutica titular

A asociación Atalaia de Ribadeo vén recompilando información desde hai anos sobre mulleres destacadas de Ribadeo, e por suposto sobre Manuela Barreiro. Ao respecto, ten acadado e publicado na súa web diversa documentación sobre ela, como acordos municipais onde se rexistra a concesión da autorización de posta en funcionamento da Farmacia, subvencións para axudas a enfermos pobres, vacinas e axudas doutro tipo, ou a solicitude para ser farmacéutica titular. Estes acordos os citamos tal e como son recollidos por dita asociación:

  • “Sesión supletoria del día nueve, celebrada el once de Junio de mil novecientos cuatro por el Excmo. Ayuntamiento de Ribadeo en su Casa Consistorial.
    También se dio cuenta de la del Sr. Subdelegado de Farmacia y Secretario del Ayuntamiento que importa treinta y siete pesetas cincuenta céntimos por los derechos que le corresponden según lo dispuesto en el art. 48 de la Ordenanza de Farmacia vigente por reconocimiento y apertura de la Botica de Doña Manuela Barreiro de esta Villa”.
  • “Sesión de 7 de marzo de 1911, supletoria a la ordinaria de 5 del mismo mes.
    A los farmacéuticos de esta Villa D. Francisco Díaz Braña, D. Salvador Pérez Labarda y Dª Manuela Barreiro, con cargo al capítulo 5º del presupuesto vigente, doscientas una pesetas y treinta y cinco céntimos, importe de medicamentos facilitados durante el año próximo pasado para la asistencia de enfermos pobres de este término municipal”.
  • “Sesión de 31 de diciembre de 1912, supletoria a la ordinaria de 29 del mismo mes.
    A los farmacéuticos de esta villa D. Francisco Díaz Braña, D. José Alonso López y Dª Manuela Barreiro, con cargo al capítulo 5º, artículo 5º, artículo 3º del referido presupuesto, doscientas treinta pesetas y ochenta céntimos, importe de varias preparados y medicamentos facilitados en el corriente año para la vacunación de familias y la asistencia de enfermos pobres de este término municipal”.
  • “Acta de la sesión supletoria celebrada el doce de septiembre (1919?) por el Excmo Ayuntamiento de Ribadeo, en su Casa Consistorial.
    Cuarto. Instancia de doña Manuela Barreiro Pico, Farmacéutica de esta vecindad, solicitando se incluya en los presupuestos municipales para el año de 1919 la cantidad correspondiente a la dotación de Farmacéutico Titular, cargo que la solicitante aceptaría si se le dotase con una remuneración equitativa. Se acordó hacer saber a doña Manuela Barreiro que en el vigente presupuesto de Ingresos y Gastos de este municipio figura consignada la cantidad de quinientas pesetas para sueldo del Farmacéutico titular, incluyendose con el mismo objeto igual cantidad en el aprobado por la Junta Municipal para regir en el inmediato ejercicio de 1919, y que en virtud de lo dispuesto en el Reglamento para el servicio benéfico sanitario de los pueblos, aprobado por Real Decreto de 14 de junio de 1891, la provisión de las aludidas plazas debe efectuarse mediante concurso y con los requisitos que en aquel se determinan”.

Traspaso da farmacia e xubilación

O documento de compra-venda da farmacia é do 19 de setembro de 1931. O xornal de Ribadeo “Las Riberas del Eo” (número 2953) do 9 de xaneiro de 1932 informa do traspaso da farmacia cando Manuela tiña 55 anos.

É posible que a súa xubilación se debese á súa situación familiar, ao quedar viúva e cun neno moi pequeno a súa irmá Emilia, á que estaba moi unida.

Tamén é posible que as grandes dificultades que viviu, derivadas da súa condición de muller, tanto cando estudaba a carreira en Santiago como máis tarde no desenvolvemento da súa profesión, influísen nesa decisión.

Vida trala xubilación

Despois da súa xubilación Manuela viaxa con frecuencia á Coruña, onde se aloxaba nunha pensión.

Tamén viaxa a Arxentina coa súa irma Emilia e o seu sobriño Pedro, para visitar as propiedades dos irmáns Moreno naquelas terras de Puán. É posible que o barco o collesen na Coruña. Revisando nos arquivos de entrada de viaxeiros a Arxentina atópanse entradas de Antonio Moreno, parente do seu cuñado, pero non se atopan as dela nin da súa irmá Emilia.

Continuou vivindo coa sua irmá e o seu sobriño en Ribadeo e Mondoñedo. Alí o sobriño estudou no Seminario e despois tivo negocios. Finalmente, estes negocios fracasan e marchan a Madrid.

Na venda dos pisos da Torre dos Moreno e mais da casa de Mondoñedo pérdense tódolos documentos e fotos de Manuela, o seu título de licenciada, os cadernos das preparacións de farmacia, etc.

Coa súa irmá marcha a Madrid e vive no Hostal Castilla, na antiga rúa Conde de Plasencia, hoxe rúa Viudo de Pontejos. A súa nova vida en Madrid, máis anónima e lonxe dunha sociedade provinciana, podería ser unha das súas aspiracións, aínda que tamén sentiría a morriña de Ribadeo e Mondoñedo.

En Madrid tiña ademais un entorno familiar, coa súa irmá Emilia e os seus sobriños Pedro e Marcelino, xa que seus pais Facundo e Carmen morreran en 1931 e 1936 respectivamente.

Morre en Madrid o 29 de xaneiro de 1953, e os seus restos mortais descansan no Cemiterio Sacramental de San Lorenzo y San José de Madrid (sepultura pavimento, no patio alto número 76), nunha tumba compartida con outras persoas e que non foi posible localizar, xa que foron desaparecendo as placas co paso do tempo.

Outros datos

A farmacia de Manuela era coñecida como “a das Piconas”, suponse que porque a súa irmá Emilia estaba frecuentemente con ela, e polo seu apelido Pico.

Foi unha boa empresaria, que investía os beneficios da farmacia en propiedades inmobiliarias.

Viaxaba con frecuencia a Mondoñedo coa súa irma Emilia, que tiña alí negocios e casa a carón da Catedral. Visitaba con frecuencia aos familiares dos seus sobriños, e era amiga da irmá do bispo Juan José Solís y Fernández (1905-1931).

Foi unha muller moi humana e moderna, que sempre tiña agasallos para os nenos cando ían á farmacia cos seus pais.

Así mesmo, foi unha precursora na degustación do marisco, que naquel tempo era desprezado pola sociedade e só o comían os pescadores. Pero Manuela pedíalles a estes que llos trouxesen cando falaba con eles ou ían pola farmacia.

Na Igrexa Parroquial de Ribadeo teñen dúas lámpadas regaladas por Manuela, que as comprou á Banca Casas cando esta pechou.

A súa traxectoria profesional pasou inadvertida durante anos, ata que comezou o estudo e recoñecemento do importante labor levado a cabo por moitas mulleres.

Recoñecementos

Tiveron que pasar máis de 100 anos para que o estudo e posta en valor das mulleres pioneiras fixese que Manuela Barreiro fose coñecida e recibise o recoñecemento merecido pola súa traxectoria.

Hoxe en día existen máis de 20 entradas en Internet sobre ela, mesmo na Galipedia (Wikipedia en galego) é citada:

https://gl.wikipedia.org/wiki/Manuela_Barreiro

Como xa dixemos, a doutora Consuelo Flecha xa a cita en 1996, e pode que este sexa o comezo do seu recoñecemento.

En Ribadeo o Concello dedicoulle unha rúa mediante acordo municipal do 10 de xullo de 2012, por iniciativa da asociación Atalaia.

El callejero se actualiza con 21 viales que estrenan nombre

El Progreso, 08/03/2013

La corporación municipal de Ribadeo actualizará hoy el callejero municipal poniendo nombre a un total de 21 calles que hasta el momento estaban, en su mayor parte, integradas en algunas zonas más amplias y generaban algunos problemas al servicio de Correos y también a los de mensajerías.

De esos 21 nuevos nombres de calles, se incluyen 13 que son personajes de la vida ribadense. Todos ellos fueron propuestos por los distintos partidos políticos que forman parte de la corporación municipal. El alcalde, el nacionalista Fernando Suárez, explicó que quiso dejar que cada grupo hiciera sus aportaciones y que de este modo «está claro que hai nomes que se ve claramente que non están propostos por nós, e outros que é ó revés, vese que non os propuxo, digamos, o PP. Pero o que perseguimos é eso, que todos fagan as súas aportacións, e recolléronse as dos catro partidos».

LOS NUEVOS PERSONAJES DEL CALLEJERO

Nombre: Manuela Barreiro Pico
¿Quién fue?: Primera farmacéutica local
Situación: Os Galos

Nombre: Justo Pico de Coaña
¿Quién fue?: Pedagogo
Situación: Os Galos

NOTA: Inclúese o nome do seu avó, que tamén é recoñecido cunha rúa na mesma data, e posiblemente sen coñecer a súa conexión familiar.

A publicación do artigo sobre as pioneiras de Ciencias de Lugo, e máis tarde a monografía “Manuela Barreiro Pico, Ribadense Destacada – 1ª Licenciada en Farmacia de Galicia (1900)” contribuíron ao seu coñecemento xeral.

A instancias do grupo de traballo creado para coñecer a vida de Manuela Barreiro, o Concello de Ribadeo colocou unha placa co seu nome no local onde tivo a súa farmacia, o 20 de xuño de 2017.

Desde entón as referencias como primeira universitaria galega foron sucedéndose, en xornais como El Progreso (20 de novembro de 2016, 20 de xuño de 2017 e 24 de novembro de 2018), La Voz de Galicia (24 de outubro de 2017, 12 de febreiro de 2018 e 25 de xuño de 2018) ou La comarca del Eo (24 de novembro de 2018).

Podemos atopar máis de 20 entradas Internet como:

Deputación de Lugo: O Goberno da Deputación pon en valor a figura de Manuela Barreiro Pico, a primeira muller licenciada
http://deputacionlugo.gal/es/node/60525

Ciencia NOSA: Recuperando a outra metade da historia
http://ciencianosa.blogspot.com/2017/10/mulleres-con-ciencia-manuela-barreiro.html

Gciencia: “Perde o tempo quen ten o mal gusto de enviar á súa filla ao laboratorio”
https://www.gciencia.com/muller2018/manuela-barreiro-primeira-farmaceutica-de-galicia/

Carta e estudo grafolóxico

Como documento persoal e como manuscrito de Manuela, temos unha carta de pésame con motivo do pasamento da cuñada da súa irmá Emilia, datada en Mondoñedo

Inclúese a continuación un estudo grafolóxico para axudarnos a comprender a personalidade de Manuela, referida á época na que se escribiu a carta (1949).

Manuela Barreiro Pico. Informe Grafopsicológico (PDF)