Un proxecto de Egeria

Ángela Manuela Pardo Celada

Primeira xinecóloga e puericultora lucense. Primeira doutora en Medicina de Lugo.

Naceu en Becerreá o 11 de marzo de 1904 e morreu en Lugo o 25 de setembro de 1988.

Seus pais foron José Pardo Alfonso (Neira de Jusá, médico-xinecólogo) e María Luisa Celada López (Fuentelsaz, Guadalajara, ama de casa). Seus avós paternos foron Juan Pardo Pérez (Vilanova, Neira de Xusá) e Rafaela Alfonso (Nadela), e os maternos Lorenzo Celada (Fuentelsaz) e Angela López (Prados Redondos, Guadalajara), ambos residentes en Madrid.

Tivo catro irmáns: María do Carme (mestra e licenciada en Filosofía e Bibliotecaria), Eulalia, María Luísa (mestra que traballou en prisións) e María Teresa (enfermeira e parteira en Lugo).

Estudos de Primaria e Bacharelato

Completou a Ensinanza Primaria en Lugo, e posteriormente estudou o Bacharelato no Instituto Nacional de Segunda Enseñanza, entre 1914 e 1919 por ensinanza non oficial non colexiada, e no curso 1919-20 por ensinanza oficial, cun expediente excelente.

Estudos universitarios

Ángela Manuela marcha a Madrid no ano 1920, e comeza a estudar Odontoloxía, aínda que despois cambiou a Medicina. Remata no curso 1927. Durante a súa etapa de estudante estivo na Residencia de Señoritas.

Na súa promoción, na Facultade de Medicina de Madrid comezaron 12 mulleres, das que unha deixou a carreira nada máis comezar. En total catro non continuaron, así que só 8 se licenciaron (El Progreso, 5 de setembro de 1982).

Estudos de Doutoramento

Fixo os estudos de Doutoramento no laboratorio da Facultade de Medicina e presentou a súa tese doutoral co título “Contribución al estudio de la colesterina en el embarazo, parto y puerperio normal, patológico y enfermedades generales relacionadas con el embarazo”, sendo a cualificación acadada de Sobresaliente. A acta de presentación e defensa da memoria da tese é do 13 de xullo de 1940.

O seu título foi expedido o 17 de abril de 1942, así que Ángela converteuse na primeira muller de Lugo que foi doutora en Medicina, e case que a única muller entre os médicos da provincia daquela época.

A concesión do título de especialista en Obstetricia e Xinecoloxía (segundo a lei do 20 de xullo de 1955) foi publicada no BOE do 31 de maio de 1963. Nesta publicación aparecen 336 especialistas, dos que tan só 8 eran mulleres, é dicir, un 2,4%: dúas xinecólogas, tres analistas, unha cirurxiá reparadora e tres pediatras.

Carreira profesional

Ao acabar a carreira no ano 1927 exerceu como médica na Residencia de Señoritas de Madrid, e comezou a traballar no Hospital e Laboratorio da Facultade de Medicina, especializándose en Xinecoloxía.

En 1930 marchou un ano a Alemaña con beca da JAE, e traballou en Hamburgo na Facultade e no Hospital de Eppendorf, co profesor Heynemans (director da Clínica de Mulleres) e co profesor Roedelins (director do segundo Departamento de Cirurxía).

De volta de Alemaña traballou de novo de auxiliar no Laboratorio de Fisioloxía de Madrid co doutor Negrín, e foi inspectora local de Sanidade.

Foi médico interino no Hospital de San Carlos de Madrid durante tres anos, e médico axudante do doutor Manuel Varela Radio (catedrático de Obstetricia na Universidade Central) no Hospital San Carlos e na Maternidad de Santa Cristina, onde este doutor foi director durante sete anos.

No ano 1932 solicita unha praza de médico tocólogo no Hospital de Santa María, en Lugo. O resultado foi negativo, a pesar ser unha candidata moi preparada e cun bo currículum. Tal como relata o xornal El Progreso do 22 de novembro de 1932, foi un escándalo.

Establécese en Lugo, e no ano 1937 ten consulta na rúa de San Pedro 30, 2º piso.

O 20 de setembro de 1937 solicita ao presidente da Deputación Provincial de Lugo que lle permita prestar os seus servizos gratuitamente como médico auxiliar na Casa de Maternidad y Expósitos de Lugo, na súa condición de médico-cirurxián especialista en partos e enfermidades da muller e en nenos, o que se lle concede tal como dita a Comisión Xestora da Deputación, sen que teña nomeamento oficial, nin efecto económico, nin de méritos. Posteriormente, con data de novembro de 1940, Ángela solicita que lle concedan unha asignación económica que lle fora denegada anteriormente pola Comisión Xestora da Deputación.

No ano 1940 pasa a ter a consulta na rúa General Franco 5, 1º.

En novembro dese mesmo ano volve solicitar que lle sexa recoñecido o seu traballo de Médico-Auxiliar durante dous anos en dita maternidade, e que lle asignen un soldo, peticións que lle foron denegadas novamente.

Posteriormente pasou ao equipo médico de dita institución.

Máis adiante traslada a súa consulta privada á praza de Campo Castelo, 1º, ata a súa xubilación.

En 1937 organizou un curso de enfermeiras, no que participou ademais como profesora, tal como se reflicte en El Progreso do 16 de febreiro de 1937, e novamente en 1939.

Participa tamén como profesora no “Cursillo de Iniciación de Puericultura para señoras y señoritas” (Inspección Provincial de Sanidad de Lugo). Esta intervención aparece na edición de El Progreso do 19 de xuño de 1938.

Foi xinecóloga da Seguridade Social no Hospital Xeral de Lugo, onde chegou a ser xefa do servizo ata a súa xubilación.

Outros datos

Foi profesora auxiliar de alemán no curso 1940 no Instituto Masculino de Lugo.

Participou nos congresos de xinecólogos galegos, onde coincide con Olimpia Valencia López, nada eu Ourense, e que exerceu como xinecóloga en Vigo.

Durante moito tempo o seu itinerario profesional non foi recoñecido como merecía. Nos estudos sobre médicos lucenses non é nomeada, algo incomprensible tendo en conta que foi a primeira muller médica, xinecóloga e doutora en Medicina, segundo se pode comprobar na foto con compañeiros no Hospital Provincial, e mesmo na celebración da súa xubilación.

Era preciso, pois, poñer en marcha o estudo e recoñecemento da importante labor levada a cabo por esta gran profesional, para que sexan recoñecidos os seus méritos.

Ángela foi unha muller moi humana. O seu ofrecemento para traballar de balde como xinecóloga e puericultora na Maternidade de Lugo o confirma. Era de trato agradable, traballadora, discreta e moi cariñosa cos nenos.

Axudou no parto das trillizas de Hermesinda Muradas, e seguiu despois en contacto con elas, como se pode ver nesta foto da súa primeira comuñón.

Foi unha precursora en tódolos campos: preparábase lendo revistas científicas e asistindo a congresos da súa especialidade, aos que levou algunhas comunicacións científicas.

Nunha entrevista de Carmen de Jesús no xornal El Progreso (5 de setembro de 1982) fala da situación da muller en España e en Lugo, da elección da súa vocación, e de como o exemplo das dúas primeiras médicas galegas animouna a estudar Medicina, para o que tamén contou co apoio de seu pai.

Nun momento no que necesitou unha terapia innovadora, marchou a Alemaña e someteuse a unha intervención cirúrxica.
Foi unha das primeiras mulleres en usar pantalóns, o que lle supuxo diversas críticas naquela sociedade provinciana. Tamén foi das primeiras mulleres en andar en bicicleta e ter un coche (un 600).

Á idade de oitenta anos seguía moi activa, e ía a conferencias, a clase de ioga e frecuentaba os viños coas súas antigas compañeiras de clase.

Tamén gostaba da vida no campo, polo que tivo casa e fincas na zona de Fingoi, considerada rural naqueles tempos.