Un proxecto de Egeria

  • Lugo

Rosario Manuela Torviso Monje

Primeira profesora de Ciencias do Instituto de Bacharelato de Lugo.

Naceu en Lugo o 28 de xullo de 1906 e morreu o 30 de marzo de 2006.

Seus pais foron José María Torviso Món (Taramundi, comerciante na rúa Doutor Castro) e Ramona Monge Caloto (Lugo, ama de casa). Seus avós paternos foron Vicente Torviso e Josefa Mon (ambos de Taramundi), e os maternos José Felix Monge (Madrid) e Rosario Caloto (Lugo). Tivo tres irmás: Mercedes, María e Ramona. María estudou Filosofía e Letras en Madrid e foi profesora auxiliar interina de Letras no Instituto Masculino entre os anos 1933 e 1941, e despois casou cun médico e marchou a Xixón. Pola súa banda, Rosario casou con Julio Varela.

Estudos de Primaria e Bacharelato

Fixo os estudos de Primaria en Lugo e os de .Bacharelato no Instituto Nacional de Segunda Enseñanza desta mesma cidade, entre 1915 e 1921. Foi unha alumna brillante, figurando no cadro de honra de 1917. Posteriormente tamén fixo os estudos de Maxisterio en Lugo.

Estudos universitarios

Marcha a Madrid en 1922 para estudar na Facultade de Ciencias (sección de Química) da Universidade de Madrid. Mentres fai a carreira vivirá na Residencia Universitaria Femenina das Teresianas, a primeira residencia universitaria feminina de España (fundada en 1914 por Pedro Poveda).

Ao finalizar os seus estudos realiza o exame de Licenciatura na Facultade de Ciencias, sección de Química, da Universidade de Santiago de Compostela, e obtén o título en xuño de 1930.

Carreira profesional

Figura como socia da Real Sociedad Española de Física y Química nos anos 1929 e 1930.

Tras revisión de expediente é rehabilitada na docencia en 1942 (BOE número 124, de 4 de maio de 1942).

Foi profesora axudante interina no Instituto de Bacharelato de Lugo entre 1931 e 1945, na cátedra vacante de Física e Química.

Foi axudante numeraria en 1938, e no ano 1953 foi profesora adxunta de Ciencias Naturais, ata que en 1961 pasa a ser profesora encargada de cátedra de Ciencias Naturais, ata a súa xubilación no ano 1976.

Realizou, a través do Centro de Orientación Didáctica, varios cursos de perfeccionamento de Bioloxía e Xeoloxía.

Outros datos

Rosario foi unha profesora moi esixente e ríxida, pero tamén explicaba moi ben, e as notas finais reflectían unha maioría de aprobados.

As súas clases eran moi experimentais, xa que levaba aos alumnos a coñecer os animais, as plantas, os ósos e tamén os minerais (cabe destacar neste sentido que o Instituto de Lugo tiña entón, e segue tendo, un moi bo laboratorio de Ciencias Naturais). Esas prácticas despois lle valían para poñer nos exames algunha das pezas vistas, o que supoñía un sistema moi innovador naquela época, dado que compaxinaba a teoría coa práctica.

Participou nas viaxes cos alumnos á Coruña no curso 1930-31 para ver o hidroavión alemán xigante Dornier Do X.
Moitas profesoras daqueles tempos amosábanse duras e serias co alumnado, coa intención de conseguir o seu respecto, algo que non resultaba doado xa que eran moi poucas as mulleres docentes nos centros de ensinanza.