Un proxecto de Egeria

  • Pantón

Balbina López Somoza

Inspectora farmacéutica.

Naceu en San Miguel de Eiré (Pantón) o 30 de marzo de 1910, e morreu na Coruña o 16 xullo de 1985.

Seus pais foron Jesús López Sorodio (San Xulián de Eiré, labrador) e Raimunda Somoza Rodríguez (San Xulián de Eiré, ama de casa).

Tivo catro irmás (amas de casa) e un irmán que morreu moi novo, sendo ela a maior. Casou con Manuel Alfonso Núñez e tivo un fillo e dúas fillastras.

Estudos de Primaria e Bacharelato

Fixo a Primaria en Pantón, e como foi unha alumna moi boa os mestres recomendáronlle que fixese o Bacharelato. Así que estudou o Bacharelato no Colexio das Calasancias de Monforte de Lemos, para prepararse logo para o ingreso na Universidade en Ourense. Estivo aló en réxime de internado, e nos meses de vacacións volvía á súa casa, onde axudaba nas labores do campo ou doutro tipo, como se facía daquela en tódalas casas, fosen de labranza ou non.

Estudos universitarios

Estudou na Facultade de Farmacia da Universidade de Santiago de Compostela entre 1928 e 1934.

Na orla de 1934 os profesores son todos homes, e dos 50 alumnos 12 son mulleres, o que supón un 24%.

Carreira profesional

No ano 1937 abriu a oficina de farmacia en Ferreira de Pantón, na que foi titular durante dous anos. En 1939 trasládaa a Escairón, onde rexentou a Farmacia durante 46 anos. En Escairón viviu na Praza Maior.

Por outra banda, abriu en Currelos (O Saviñao) un Botiquín para facilitar o acceso a medicamentos básicos á poboación da montaña, evitándolles a dura viaxe ata Escairón. Cando había feira en Currelos, atendíao ela persoalmente.

Fixo en Madrid os cursos de Análises Clínicos, Bromatolóxicos e Químicos para prepararse para inspectora municipal, e poder así facer análises no seu laboratorio. Tamén exerceu como inspectora farmacéutica municipal interina desde 1939 ata 1944, e en propiedade desde ese ano.

Outros datos

Tiña un laboratorio moi ben preparado, no que facía todo tipo de análises como inspectora farmacéutica.

Aparte do seu traballo na farmacia seguiu estudando idiomas, e recibiu clases particulares de inglés e francés na Berlitz School of Languages de Madrid en 1950.

Era consciente do sacrificio que representaba para seu pai o feito de que ela estudase, e sempre lle estivo moi agradecida.
Como mostra do seu espírito de sacrificio, podemos lembrar que un profesor que tivo na preparación para o ingreso na Universidade contou que moitas noites Balbina tivo que meter os pés en auga fría para non quedar durmida mentres estudaba.

Era ademais unha persoa sempre disposta a axudar á xente, e tanto atendía unha borracheira dalgún veciño ás tres da maña (dáballes a ulir un algodón impregnado en amoníaco para espreguizalos) como lle poñía unha férula a algún “maqui” durante a posguerra.

En 2017 foi homenaxeada polo colectivo Lemos Le como “Muller pioneira farmacéutica de O Saviñao”. Este colectivo convocou tamén un premio ao mellor traballo de divulgación sobre Balbina López1, sendo o primeiro premio para María Isabel Fernández García, do grupo CienciaNosa.

Ademais colocaron unha placa no local da Farmacia e editaron unha monografía sobre ela e un vídeo divulgativo para os centros escolares.