Un proxecto de Egeria

  • Chantada

Mª Teresa Fernández Rodríguez

Inspectora farmacéutica. Primeira investigadora. Primeira profesora auxiliar de Universidade.

María Teresa Josefa Blanca Fernández Rodríguez naceu o 15 de setembro de 1913 en Chantada, e morreu o 20 de xuño de 1973.

Seus pais foron Jesús Fernández Taboada (1885, Santa Uxía de Asma, Chantada) e Marcelina Celia Rodríguez (1885, Pontevedra). Tivo tres irmáns: Carmen (1912, licenciada en Filosofía e Letras con moi bo expediente) e dous homes.
Estudos de Primaria e Bacharelato

A súa tía materna, María Áurea Rodríguez, foi mestra de nenas en Chantada e grande apoio nos seus estudos ao quedar María Teresa orfa de nai moi cedo.

Ingresa en setembro de 1923 no Instituto General y Técnico de Lugo, e estuda o Bacharelato por ensinanza non oficial, non colexiada, séndolle expedido o título de bacharel (sección Ciencias) o 27 de setembro de 1928.

Estudos universitarios

Estuda Farmacia na Universidade de Santiago de Compostela, destacando no último curso polas súas brillantes cualificacións, especialmente en Análise Químico, onde consigue un Sobresaliente con Matrícula de Honra. Realiza o depósito para o título de licenciada o 1 de agosto de 1932.

Carreira profesional

No curso 1933-34 foi profesora auxiliar de prácticas de Química Analítica na Facultade de Farmacia de Santiago de Compostela.

Deses anos de traballo de investigación no laboratorio resultan as publicacións en colaboración con A. Charro na revista “La voz de la Farmacia” (Madrid, ISSN/ISBN 0213- 0890, ano 1933, volume IV, número 4 de agosto, páxinas 487-488). Colaborou tamén noutros artigos na revista de Santiago de Compostela “Anales”: «Análisis de los mostos gallegos», «Composición química de productos alimenticios gallegos» e «Análisis de las aguas minero – medicinales de Galicia».
Na época da Guerra Civil volve a Chantada, onde tivo a súa oficina de farmacia e desenvolveu a súa vida profesional ata a súa xubilación. Foi tamén inspectora municipal.

Outros datos

Pola súa farmacia pasaban os veciños para consultarlle todo tipo de doenzas, e tamén para recibir curas de feridas accidentais. Sempre tiña bos consellos para os coidados dos nenos, tanto na alimentación coma na hixiene persoal.
Foi unha boa nadadora e grande viaxeira, moi querida polas súas sobriñas.