Un proxecto de Egeria

Mª Amalia Touza Pérez

Inspectora farmacéutica.

Naceu na Pobra do Brollón o 21 de abril de 1918, e morreu o 23 de marzo de 1999 en Monforte de Lemos.

Seus pais foron Bernardo Touza Vidal (1870, San Pedro de Pensos, Esgos, Ourense, construtor e comerciante) e Manuela Pérez Ledo (1884, Eixón, A Pobra do Brollón, comerciante). Seus avós paternos foron José Touza (San Pedro de Pensos) e Agustina Vidal (Nogueira de Ramuín, Ourense), e os maternos Ignacio Pérez (San Pedro de Pensos) e Amalia Ledo (Rodiz, Eiré, Pantón). Tivo cinco irmáns (ela foi a maior): Celia (odontóloga), Bernardo (veterinario en Venezuela), María (farmacéutica en Guntín), Manuela (farmacéutica na Pobra do Brollón) e Antonio (médico traumatólogo en Albacete). Casou con José María Touzón (Bouzas, Vigo, secretario no Concello de Pobra de Brollón) no ano 1959. Tivo a Sol (Parada de Montes, Courel), unha nena en acollida, ata que esta tivo 17 anos.

Estudos de Primaria e Bacharelato

Estudou Primaria na escola pública de Eixón, onde seu tío Severino era mestre. Despois fixo o ingreso de Bacharelato no Instituto Nacional de Bacharelato de Lugo o 2 de xuño de 1934, para solicitar posteriormente o traslado ao Instituto Nacional de Bacharelato de Ourense.

Estudou Maxisterio na Escola de Ourense de 1936 a 1941, e acadou o título de Mestra de Primeira Ensinanza.

Estudos universitarios

Despois de acadar o título de mestra comeza os estudos de Farmacia na Universidade de Santiago de Compostela, de 1941 a 1946.

Como todas as estudantes da época, Amalia pertencía ao Sindicato de Estudantes. Foi compañeira de Remedios Parrilla Ayres, que foi inspectora farmacéutica en Monforte de Lemos, e que nacera no 1922, por iso non aparece neste estudo. Dado que Remedios non estudou Maxisterio, Amalia e ela terminaron xuntas na promoción 1945-46.

Carreira profesional

Exerceu na súa oficina de farmacia na Pobra do Brollón desde 1947 ata a súa xubilación no 1978. Cando comenzou a exercer a maioría dos medicamentos se dispensaban a granel, e se facían moitas formulacións maxistrais. Tamén facían habitualmente a proba da ra, e vacinaban cando era preciso.

Amalia preparou unha loción para canas, caspa e calvicie que se vendeu moi ben, chamábase “3C”.

Fixo o exame para inspectora farmacéutica en Madrid nada máis acabar a carreira no 1946, e exerceu ata a súa xubilación.

Outros datos

Mentres estudaba axudou na escola de seu tío, e ao ser a maior de seis irmáns tamén axudou no cuidado destes e nas tarefas da casa.