Naceu o 20 de maio de 1920 en Mesón (Ourol), e morreu en Santander o 19 de maio de 2013.
Seus pais foron Vicente Chao Vázquez (1887, Ourol, residiu accidentalmente en Cuba entre os 33 e os 36 anos) e Carlota Quintana Novás (1884, Ourol). Tivo unha irmá, Juana María.
Seus avós paternos foron Diego Chao (Ourol) e Juana Vázquez (Bravos), e os maternos Eugenio Quintana (Viveiro, secretario do Concello de Ourol) e Aurora Novás (Ourol).
Estudos de Primaria e Bacharelato
Estudou Primaria na escola de Ourol, que fora construída grazas á doazón económica de don Vicente Casavella (emigrante en Cuba) e á cesión de terreos por parte de don Eugenio Quintana. Neste edificio, ademais da escola, había unha capela e os locais da casa consistorial1.
Por outra banda, Aurora estudou o Bacharelato no Instituto de Enseñanza Secundaria de Lugo.
Estudos universitarios
Fixo os estudos de Química na Facultade de Ciencias da Universidade de Santiago de Compostela entre 1940 e 1943. Tamén estivo matriculada na carreira de Farmacia. Ademais, estudou a carreira de Maxisterio e obtivo o título de mestra.
Ingresou no Instituto de Las Esclavas del Sagrado Corazón de María (Loyola, Guipúscoa) a primeiros de xaneiro de 1945. Fixo a Profesión Perpetua o 15 de agosto de 1953.
No 1968 fíxose Carmelita e ingresou no Carmelo, pero saíu tan só un ano despois por problemas familiares.
Vida profesional
Foi profesora de Física e Matemáticas en Santander e Valladolid, e estivo destinada en Francia nalgunha etapa da súa vida profesional.
Na súa traxectoria como docente o Colexio Esclavas del Sagrado Corazón foi acadando diversos recoñecementos nos que Aurora foi partícipe indispensable.
Así, en 1946 foi recoñecido como Centro de Enseñanza Media (para iso cumpría ter varias profesoras licenciadas). En 1949 conseguiron a autorización de Centro de Enseñanza Primaria, con varias unidades de balde, e en 1956 conseguiron a de Centro de Enseñanza Superior. En 1968 foilles concedida a transformación das clases de Bacharelato Elemental en Sección Filial do Instituto Femenino de Enseñanza Media Santa Clara.
Estivo largo tempo vivindo coa súa familia en Barcelona (coidando do pai), e deu clases no Colexio das Salesianas da rúa Sepúlveda.
Outras actividades
Foi moi coñecida polas diferentes asociacións con fins humanitarios nas que estivo involucrada.
Caracterizouse polo seu afán por saber, sendo pioneira no manexo de programas informáticos. Era asidua dos cursos de verán da Universidad Internacional Menéndez Pelayo de Santander ata idade moi avanzada (87 anos). Aurora foi unha muller servizal, comunicadora, orixinal e creativa. Desde a súa xubilación centrouse na Teoloxía.