O eixo de “Pioneiras de ciencias en Lugo” son nomes como o de María Manuela Barreiro Pico
O eixo de “Pioneiras de ciencias en Lugo” son nomes, como o de María Manuela Barreiro Pico, a primeira muller licenciada en Galicia que escolleu a titulación de Farmacia. Tamén o de Ángela Manuela Pardo Celada, a primeira xinecóloga e puericultora lucense ou o de María Teresa Fernández Rodríguez, primeira profesora auxiliar lucense na Facultade de Farmacia.
Elas son algunhas das pioneiras que María Isabel Fernández García incluíu neste libro, cun valor incalculable a nivel histórico. Tamén amosa unha magnífica labor arquivística, rescatando imaxes, documentos curiosos e anécdotas sobre estas mulleres científicas, que transcenderon á prensa ou que aportaron os seus achegados.
É fundamental lembrar que a finais do século XIX e principios do XX estas mulleres, que querían realizarse profesionalmente no ámbito científico, se atopaban inmersas nun mundo de homes e afectadas pola presión social que confinaba á muller exclusivamente ao papel dos coidados e do fogar. Con todo, demostraron un gran dominio no seu campo de estudo e destacaron pola excelencia nos seus expedientes académicos.
A historia e o paso do tempo foron desvanecendo a pegada destas profesionais, polo que a difusión da súa biografía e logros resulta precisa e constitúe unha mostra de recoñecemento á súa resiliencia e profesión. “Pioneiras de ciencias en Lugo” non só remarca as súas figuras, tamén ofrece unha oportunidade de coñecer a faceta máis humana destas mulleres. Porque, ademais de progresar nas súas carreiras, tamén estiveron involucradas nas súas comunidades, intentando mellorar a calidade de vida dos seus veciños e veciñas.
Manuela, Teresa ou Ángela, entre outras mulleres mencionadas neste libro, foron pioneiras e abriron o camiño para que outras xeracións de nenas e mozas puidesen dedicarse ás ciencias. Esta obra contribúe a visibilizar referentes próximos, á par que a enxalzar o legado de quen construíu un porvir mellor para todas.
O meu agradecemento a elas e á lectora ou lector que mostre interese por coñecer a súa historia.
María Jesús Lorenzana Somoza
Consellería de Emprego e Igualdade