As mulleres lucenses e a ciencia: a historia dunha conquista
Abundan as persoas que son da opinión de que os mellores relatos da historia dun país ofrécenos os libros que tratan sobre a educación, aquelas obras que detallan a atención que mereceu a práctica docente ao longo do tempo ou que a retratan nun concreto momento. A primeira vez que oín tal opinión foi por boca dun bo amigo pedagogo en referencia a “Viaje por las escuelas de Galicia”, volume póstumo de Luis Bello onde se compilan os artigos que este xornalista natural de Alba de Tormes publicara nas páxinas do madrileño xornal El Sol, contando as impresións sobre a súa visita, en 1929, a varias escolas de Galicia. A lectura destas páxinas introdúcenos, como rara vez o conseguen os ensaios históricos, na vida cotiá da sociedade galega do primeiro cuarto do século XX e nas raíces sociolóxicas, económicas e políticas dun estado de cousas que tiña na deteriorada situación da educación o seu mellor termómetro.
Se a obra de Luis Bello pode considerarse unha foto fixa dunha realidade escolar nun momento concreto, en “Pioneiras de ciencias en Lugo” a profesora María Isabel Fernández García, procura (e felizmente consegue), a través das páxinas do seu extenso libro, expoñernos a evolución, a vida, o contexto familiar e as peripecias académicas e profesionais daquelas mulleres que foron as pioneiras na provincia de Lugo, no que constitúe con toda seguridade unha das transformacións sociais máis importantes que a nosa sociedade experimentou no transcurso do último século e medio: a incorporación da muller, paseniñamente, chanzo a chanzo, a ámbitos sociais para ela vetados durante séculos, nomeadamente aos da formación ou o exercicio profesional en campos relacionados co saber científico.
María Isabel Fernández García ofrécenos o relato desta conquista a través dunha moi ben documentada obra que nos fala sobre todo de mulleres que, contra vento e marea e grazas á súa intelixencia e á súa coraxe, conseguiron vencer o agravio de seren consideradas non aptas para as disciplinas científicas, demostrando empiricamente, co seu exemplo, que os prexuízos consuetudinarios erraban, e construíndo, de paso, o camiño que habería de levar á sociedade actual, onde as mozas frecuentan, por fortuna, masivamente as facultades de Medicina ou as escolas de Arquitectura.
Así, pois, é xusto e necesario expresarlle o noso máis sincero e afervoado agradecemento á profesora María Isabel Fernández García por mostrarnos a través desta obra aos homes e ás mulleres de hoxe o difícil que foi construír a sociedade presente, como tamén é preciso convidar ao lector a mergullarse no relato que nos ofrece, fundamental para entender o camiño da loita pola igualdade de oportunidades no eido do saber científico.
Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade