Naceu en San Sebastián o 8 de decembro de 1898, e morreu en Lugo o 19 de decembro de 1981.
Seus pais foron Luis Múgica Galazdi (San Sebastián, Guipúzcoa, empregado) e Juana Martínez Bolinaga (Valmaseda, Vizcaya, ama de casa). Seus avós paternos foron Ramón Múgica (Tolosa, Guipúzcoa) e María Ana Galazdi (Hernani, Guipúzcoa), e os maternos Eusebio Martínez (Baria, Álava) e María Micaela Bolinaga (Villareal, Álava). Tivo cinco irmáns: Soledad (profesora de Francés na Escuela Normal de Maestras de Guipúzcoa), Carmen, Javier, Tomás e Luis. Casou o 5 de decembro de 1932 en San Sebastián con José Benito Pardo y Pardo (Lugo, enxeñeiro militar), co que tivo tres fillos: José Benito (enxeñeiro industrial), Ana María (licenciada en Psicoloxía) e Carmen (licenciada en Economía).
Estudos de Primaria e superiores
Ana María estudou Primaria en San Sebastián. Fixo os estudos de Mestra entre 1915 e 1918 en Madrid, na Escuela Normal de Maestras, coñecida como “de Normalistas” (prestixiosa escola naqueles tempos).
Ademais, graduouse en alemán pola Höhere Mädchenschule Pasing de Munich.
Carreira profesional
Foi docente gratuíta na Escuela de Hogar para Obreras Concepción Arenal de Guipúzcoa entre 1924 e 1927.
Posteriormente, foi profesora numeraria de Física, Química e Historia Natural da Escuela Normal de Maestras de Lugo (Gaceta de Madrid, 30 de marzo de 1928, número 522).
Ocupou cargos académicos deseguido na súa vida profesional: foi directora da Escuela Normal de Maestras de Lugo, a proposta do claustro de profesores, desde o 8 de maio de 1931 ata decembro de 1933; directora da Escuela de Magisterio Masculina Obispo Basulto de Lugo desde 1957 ata 1960; directora da Escuela de Magisterio Femenina Santa María de Lugo de 1960 a 1964; directora da Escuela de Magisterio de Lugo desde 1964 ata o 5 de decembro 1967. Xubilouse en decembro de 1968.
Viviu o traslado da Escola de Maxisterio desde unhas dependencias do Pazo da Deputación á súa nova sede no ano 1954.
Outros datos
Impartiu unha conferencia sobre “El congreso de estudios vascos” o 31 de xullo de 1926 (El telegrama del Rif, Vitoria), ademais de diversas charlas en Lugo.
Foi unha profesora moi querida polo alumnado. Existen diversas referencias sobre como ía cos alumnos e alumnas de viaxe de estudos, por exemplo a Ferrol para ver a botadura do Baleares (El Progreso, 17 de marzo de 1932), ou sobre como os recibía á volta doutras viaxes (El Progreso, 1 de maio de 1931). Tamén queda rexistro da festa de despedida de solteira que lle fixeron as súas alumnas no Hotel Méndez Núñez (El Progreso, 1932). Interesábase pola vida delas, chegando a visitar a algunha enferma ou con mala situación económica.
Por outra banda, participou como poñente en actividades relacionadas coa Junta Provincial de Protección de Menores, como o relatorio encargado de elaborar as medidas a tomar para evitar a mendicidade de menores nas rúas (El Progreso, 11 de marzo de 1933).
Polos seus coñecementos de alemán colaborou na tradución da “Historia del Arte en todos los tiempos y pueblos” de Karl Woenmann (WOERMANN, Karl, 6 tomos. Editorial Saturnino Calleja, Madrid, 1930).