Naceu na Pobra do Brollón o 12 de xullo de 1919, e morreu o 19 de abril de 2010.
Seus pais foron Bernardo Touza Vidal (1870, San Pedro de Pensos, Esgos, Ourense, construtor e comerciante) e Manuela Pérez Ledo (1884, Eixón, Pobra de Brollón, comerciante). Seus avós paternos foron José Touza (San Pedro de Pensos) e Agustina Vidal (Nogueira de Ramuín, Ourense), e os maternos Ignacio Pérez (San Pedro de Pensos) e Amalia Ledo (Rodiz, Eiré, Pantón). Tivo cinco irmáns: Amalia (farmacéutica en Pobra de Brollón), Bernardo (veterinario en Venezuela), María (farmacéutica en Guntín), Manuela (farmacéutica na Pobra do Brollón) e Antonio (médico traumatólogo en Albacete).
Estudos de Primaria e Bacharelato
Estudou Primaria na escola pública de Eixón (A Pobra do Brollón), onde seu tío Severino era mestre. Fixo despois o Bacharelato no Instituto Nacional de Bacharelato de Ourense, entre 1928 e 1934.
Estudos universitarios
Estudou en Santiago de Compostela os tres cursos de Medicina (1942-45) e despois marchou a Madrid, onde estudou na Escola de Estomatoloxía da Facultade de Medicina.
Na súa promoción foron 9 mulleres e 66 homes.
Carreira profesional
Exerceu na súa consulta na Pobra do Brollón desde 1958 ata a súa xubilación en 1979.
Outros datos
Celia foi unha profesional que se renovaba continuamente participando en congresos de Estomatoloxía, dos que era asidua, e lendo revistas da súa especialidade.
Participaba activamente en política e nas actividades do seu pobo, e estivo a piques de ser alcaldesa da Pobra do Brollón. Ademais, compaxinou a súa profesión coa dirección da explotación agrícola-gandeira da familia.
Foi unha adiantada ao seu tempo, en parte debido a súa estancia en Madrid, e ás viaxes que facía. De feito, foi das primeiras mulleres de Lugo en ter unha Vespa, e en ter e conducir un coche.