Naceu en Sarria o 2 de decembro de 1920, e morreu en Lugo o 15 de decembro do 2010.
Seus pais foron Ernesto López Acevedo (Figueras, Castropol, Asturias, avogado) e Estrella López (Sarria, ama de casa). Tivo tres irmáns: Javier (avogado), Araceli e Ernesto (enxeñeiro de Camiños). Casou con Antonio Peña Vilamarín (farmacéutico), enviuvou e casou de novo con Manuel Mandagán (odontólogo). Non tivo fillos.
Estudos de Primaria e Bacharelato
Fixo Primaria en Lugo e A Coruña, e a Ensinanza Media no Instituto de Segunda Enseñanza de Lugo por ensinanza non oficial, colexiada (Colexio da Milagrosa), obtendo o título en 1936.
Na materia de Química obtivo Matrícula de Honra en 1936, como figura no seu diploma.
Estudos universitarios
Estudou na Facultade de Farmacia da Universidade de Santiago de Compostela entre 1939 e 1941, e despois trasladouse a Madrid, para continuar estudando na Universidade Central, onde rematou no curso 1941-42.
Na promoción de Clementina houbo 28 mulleres e 38 homes.
Carreira profesional
Foi profesora auxiliar de Farmacia Práctica na Facultade de Farmacia da Universidade Central en Madrid e no CSIC. Cando facía a tese doutoral obtivo unha beca para ir a Munich, pero renunciou a ela e volveu a Sarria.
Publicou un libro con E. Selles sobre “Alcoholímetros en preparacións farmacéuticas” (Farmacognosia, xaneiro-xuño de 1944, ano III, número 4. Nuevas Gráficas S.A. Madrid, 1944, ISSN 0014-8288).
Ao volver a Sarria foi profesora na academia Felipe II. Posteriormente foi farmacéutica en Paradela, en Portomarín e en Sarria.
Foi ademais inspectora farmacéutica e analista da Seguridad Social en Lugo.
Outros datos
Obtivo o título de Maxisterio en Lugo pola súa condición de bacharel (Real Decreto de 30 de agosto de 1944).
Foi unha muller moderna, que gustaba de desprazarse en bicicleta.