Naceu en O Bizarro (Trabada) o 10 de novembro de 1912, e morreu en Mondoñedo o 30 de maio de 2009.
Seus pais foron Manuel Lomberdero Castro (1871, O Bizarro, labrador) e Enriqueta Martínez Rodríguez (1876, Figueirúa, Villaodrid, A Pontenova, ama de casa). Seus avós paternos foron Pedro Lombardero (O Bizarro) e Rosa Castro de Aguajosa (Riotorto), e os maternos Claudio Martínez (San Tirso de Abres) e Josefa Rodríguez (Figueirúa). Tivo tres irmáns: Felisa, José (sacerdote e cóengo en Mondoñedo) e Ramona. Casou con Jesús Rivas Arias (médico) e tivo 6 fillos: Jesús (médico), María Dolores (farmacéutica), Pedro (médico odontólogo), María Remedios (médica pediatra), María Jesús (farmacéutica) e María Enriqueta (médica de familia).
Estudos de Primaria e Bacharelato
Estudou Primaria en La Palma (Canarias) e Astorga. Fixo o ingreso no Instituto Nacional de Segunda Enseñanza de Lugo en xuño de 1925, e estudou por ensinanza non oficial, non colexiada, ata 1926, cando traslada o seu expediente ao Instituto de Santiago de Compostela. Acada o titulo de bacharel en 1928.
Estudos universitarios
Estuda na Facultade de Farmacia de Santiago de Compostela de 1928 a 1932, acadando o título no ano 1932.
Carreira profesional
Tivo farmacia en Mondoñedo desde 1932 ata a súa xubilación. Ademais, foi inspectora farmacéutica por oposición (aprobada en 1942), e analista da Seguridade Social.
Outros datos
Realizou o curso de “Análisis Bromatológico, Análisis Clínico y Análisis Bacteriológico” en Santiago de Compostela no ano 1932, e o de “Análisis clínicos” en Madrid en maio de 1942.
Como inspectora farmacéutica facía análises de leites, augas e comestibles elaborados (pan, doces, etc.), así como controis de viños e licores fabricados na localidade (control do alcohol metílico).
O 17 de setembro de 1993 recibiu o premio da Cámara de Comercio de Lugo por ter a farmacia durante máis de cen anos en funcionamento.
O 24 de outubro de 1993 o xornal “La Voz de Galicia” publicou unha entrevista con ela, titulada “ Dos siglos de vida”.
Foi pioneira en Acción Católica en Mondoñedo, dando charlas e conferencias por toda a diocese.
Fixo anotacións nun diario profesional e persoal sobre a súa profesión e condición de muller.