Naceu no Carballiño (Ourense) o 10 de setembro de 1913, e morreu o 1 de outubro de 2004 na Coruña.
Seus pais foron Isaura Souto Alanís (O Carballiño) e José Usero Fojo (Cedeira, A Coruña, “de profesión fondista”, ou mesoneiro). Tivo dous irmáns: José (administrativo) e Gonzalo (mestre de obra). Casou con Pedro Sánchez Pombo (funcionario administrativo) e tivo tres fillos: José Luis (catedrático de Física e Química de Bacharelato), Carlos (profesor agregado de Latín de Bacharelato) e Ana María (profesora de Ciencias de Ensinanza Primaria).
Viviu en Lugo coa súa tía Otilia Usero e o home desta, Luciano Trabadelo.
Estudos de Primaria e Bacharelato
Fixo os estudos de Primaria no Colexio da Milagrosa en Lugo, e estudou o Bacharelato nos Institutos de Bacharelato de Lugo e A Coruña entre os anos 1923 e 1929.
Estudos universitarios
Estudou Ciencias Químicas na Facultade de Ciencias de Santiago de Compostela entre 1929 e 1934. En 1935 remítese o seu expediente á Universidade Central, pero remata a súa formación en Compostela no curso de 1939-40.1
Fixo constar a súa suficiencia na Escola de Maxisterio de Lugo como bacharel (RD de 31 de agosto de 1914), e acadou o título de mestra o 31 de xaneiro de 1953.
Na Universidade Internacional Menéndez Pelayo fixo o curso de “Metodología de la Enseñanza Media” o 30 de agosto de 1956.
Carreira profesional
Natividad Mejuto e Concepción Carnero, dúas das primeiras profesoras auxiliares de clases prácticas na Facultade de Ciencias, presentaron a Isaura Usero na Sociedad Española de Física y Química en 1933.
Despois, Isaura foi profesora na Academia Balmes de Lugo de 1940 a 1942.
Tras revisión de expediente, é rehabilitada na docencia en 1942 (BOE número 124, de 4 de maio de 1942).
É nomeada profesora de Matemáticas do Instituto Femenino de Bacharelato de Lugo no curso 1940-41, e alí continúa ata que en 1958 é nomeada profesora adxunta no Instituto Fray Luis de León de Salamanca.
Aparece como opositora a cátedra de Ensino Secundario en 1949 (BOE número 343, de 9 de decembro de 1949).
Obtén a cátedra de Bacharelato de Física e Química en 1980 (BOE número 18, de 21 de xaneiro de 1980) e exerceu en A Coruña ata 1983, ano no que se xubila.