Naceu en Madrid o 6 de outubro de 1910 e morreu en A Coruña o 14 de xullo de 1999.
Os seus pais foron Pedro Garrido (El Cerezal, Tineo, Asturias, traballou en antigas tabernas en Madrid) e Consuelo Veiga (Bolaño, Castroverde, ama de casa). Tivo sete irmáns, entre eles unha irmá mestra e un irmán médico. Non casou, polo que amadriñou e axudou a moitos sobriños. Foi madriña e mentora da súa sobriña-neta Carmen Carreira Gómez, que foi médica e especialista en Diagnóstico por Imaxe. Carmen colaborou na información que ofrecemos sobre Joaquina, e cabe destacar tamén que a súa nai, Alicia Gómez, traballou na farmacia con ela.
Ensinanza Primaria e Bacharelato
Estudou a Primaria na escola pública en Madrid, e fixo o Bacharelato nun instituto de ensinanza media, que puido ser o IES San Isidro ou o IES Ramiro de Maeztu (que son os máis antigos).
Estudos universitarios
Estudou na Facultade de Farmacia da Universidade Central de Madrid entre 1927 e 1931, licenciándose aos 21 anos. Foi sempre unha boa estudante, que superaba un curso cada ano, e con notas boas.
Oficina de farmacia
Os seus inicios profesionais remóntanse a un laboratorio dependente da Facultade de Farmacia nos anos 30 en Madrid. Traballou algúns anos nalgunha farmacia de Lugo, probablemente na Farmacia Central. Logo abriu a súa farmacia en Gontán (Abadín), onde traballou ata que se xubilou, aló polo ano 1982 ou 1983.
Inspectora municipal
Joaquina superou a oposición de inspectora municipal nos anos 60, e exerceu como tal ata a súa xubilación.
Traballaba moi directamente cos clientes, aos que lles adicaba moito tempo e esforzo. Moi entregada á súa profesión e consciente da época en que vivía, ningún paciente marchaba da farmacia sen a súa medicación, aínda que non puidese pagala (algúns pagaban incluso ata un ano despois).
Elaboraba fórmulas maxistrais, sobre todo cremas e pomadas para pacientes e para animais. Era moi coidadosa na elaboración, e sempre falaba da importancia da textura das mesmas.
Outros datos
Uniuse á Institución Teresiana (IT), coa que colaborou como ensinante ata o fin da Guerra Civil, cando volveu a Galicia. Pasou entón uns anos escuros (1939-1946), sen traballo e sen medios económicos, en Bolaño (Castroverde).
Unha vez xubilada, viviu varios anos en Madrid, no barrio de Chamberí, e despois volveu a Abadín, onde permaneceu ata a súa morte.
Amaba a súa profesión, e como farmacéutica dun pobo formou parte da educación sanitaria e alimenticia do mesmo, e tamén contribuíu ao seu progreso e desenvolvemento.
A súa sobriña-neta Carmen, para quen Joaquina foi madriña e mentora, fala da súa gratitude infinita cara a ela, porque nunha aldea de Lugo, nun familia modesta, abriu os seus ollos ao mundo, á literatura, á educación, aos idiomas, etc.
Intelectualmente, foi unha muller adiantada ao seu tempo: partidaria da liberación da muller, da súa independencia, do empoderamento feminino, da importancia da formación e da aprendizaxe de idiomas, de viaxar, etc.