Un proxecto de Egeria

Mª Amparo Fernández Méndez

Farmacéutica.

María Amparo naceu en Vilaboa (Vilaodriz) o 14 de abril de 1905 e morreu en A Pontenova o 6 de novembro de 1995.
Seus pais foron Gabriel Fernández Fernández (1875, Vilaboa, xastre e comerciante de tecidos) e Carmen Méndez Méndez (1880, Vilaeimil, A Pontenova, ama de casa). Tivo catro irmáns: Eliseo (comerciante), María Filomena (mestra), María Carmen (enfermeira) e Gabriel (médico). Casou con Elías Ramallal Rodríguez (empregado de banca) e tiveron 3 fillos: Elías (farmacéutico), Gabriel (economista) e Xesús (informático).

Estudos de Primaria e Bacharelato

Estudou a Ensinanza Primaria no seu pobo, e alí o mestre da nena recomendoulle á familia que a estudase, porque a nena valía.

Fixo o ingreso no Instituto General e Técnico de Lugo en setembro de 1920, e alí estudou, por ensinanza non oficial non colexiada (coa axuda do mestre), desde 1920 ata 1924, ano no que trasladou o expediente ao Instituto Cardenal Cisneros de Madrid.

As dificultades para examinarse en Lugo era moi grandes: María Amparo tiña que coller un burro para ir ata Meira, e logo desde alí o autobús ata a capital.

Estudos universitarios

Fixo os dous primeiros cursos da carreira de Farmacia na Facultade correspondente de Madrid, para rematar na de Santiago de Compostela entre os anos 1929 e 1933.

Carreira profesional

Fixo prácticas na Farmacia Bescansa, de Santiago de Compostela. Posteriormente tivo a súa propia farmacia en A Pontenova desde 1933, e alí traballou ata a súa xubilación. Foi farmacéutica titular.

Outros datos

Fixo numerosas formulacións ao longo da súa carreira, algunhas veces recollendo as preparacións tradicionais con ingredientes coñecidos, outras segundo os requirimentos dos médicos que llas pedían, tal como se recolle nas seguintes receitas.

Nunha etapa de desenvolvemento industrial de A Pontenova colaborou na sanidade e hixiene do seu pobo moi activamente, contribuíndo a un maior benestar social.

Xubilouse moi maior, xa que lle gustaba o seu traballo e o contacto coa xente, polo que era moi apreciada ela e moi requiridos os seus consellos.

O Colexio de Farmacéuticos de Lugo nomeouna “Colegiada de Honor” con motivo da súa xubilación.
Na celebración dos 25 anos de súa promoción coincidiu con María Teresa Fernández e con Ramona Regueiro. Na orla desta promoción había 13 mulleres e 35 homes.