Un proxecto de Egeria

  • Friol

Mª Carmen Saavedra Ascariz

Farmacéutica.

Naceu en Miraz (Friol) o 21 de setembro de 1901, e morreu en Lugo o 22 de setembro de 1991.

Seus pais foron Felipe Saavedra Vigo (1859, Miraz, Friol, labrador) e Filomena Ascariz Vigo (1873, Miraz, ama de casa). Seus avós paternos foron Gregorio Saavedra e Josefa Vigo (Miraz, labradores), e os maternos Manuel Ascariz e Andrea Vigo (Miraz, propietarios e labradores). Tivo nove irmáns: Gregorio (sacerdote cóengo penitenciario da SICB de Lugo e profesor de Relixión no Instituto de Secundaria), María, Dolores, Manuel (militar), Jesús (militar), José (funcionario), Celestino (sacerdote, cóengo da SICB de Lugo e profesor de Relixión na Escola de Maxisterio de Lugo) e dous mortos na nenez. Casou con Delio Mendaña (licenciado en Química e catedrático do Instituto Masculino de Lugo, do que tamén foi director moitos anos). Tivo tres fillos: Felipe (Madrid, enxeñeiro de Camiños), María Carmen (Catedrática de Enseñanza Media de Lengua Castellana en Barcelona) e José Luis, morto de neno.

Estudos de Primaria e Bacharelato

Fixo os estudos primarios en Miraz e conseguiu o ingreso ao Bacharelato no Instituto General y Técnico de Lugo o 7 de xuño de 1920. Fixo o Bacharelato ata o curso 1922-23 por ensinanza non oficial, non colexiada, con moi boas notas: 2 Matrículas de Honra, 12 Sobresalientes, 5 Notables, 7 Aprobados e 2 Suspensos.

O 10 de marzo de 1923 acadou o grao de Bacharelato, que foi expedido o 22 de agosto de 1923.

Carreira universitaria

Estudou a carreira de Maxisterio en Lugo, e posteriormente fixo Farmacia na Facultade de Santiago de Compostela entre 1924 e 1928, obtendo o título en 1929.

Tivo un expediente brillante, con 7 Matrículas de Honra, 5 Sobresalientes e 1 Notable. Nos exames de grao de Licenciado acadou 2 Admisibles e 1 Sobresaliente. Optou ao premio extraordinario da súa promoción, xunto con Adelaida Herreros y Corrales.

Carreira profesional

María Carmen foi profesora no Colegio Balmes (El Progreso, ano XXIV, 7 e 28 de novembro de 1931).

Foi contratada como profesora de Física e Química no Instituto de Secundaria de Lugo nos cursos 1934-35 e 1940-41.

Non exerceu como farmacéutica titular, mais si na dirección técnica de oficina de Farmacia en Palas de Rei e Lugo.

Outros datos

Sempre servizal cos seus veciños de Miraz cando residía alí, nas vacacións prestáballes atención sanitaria en momentos difíciles, xa que o médico do lugar vivía lonxe e os desprazamentos daquela eran a cabalo. Dicía que lle gustaría ter estudado Medicina.