Naceu o 19 de agosto de 1905 en Chantada e morreu en Vigo o 26 de xuño de 2002.
Seus pais foron Daniel Vázquez Bóo (avogado) e Concepción Campo. Tivo seis irmáns: Daniel (avogado e político), Antonio (notario), Alejandro (funcionario de Facenda), Milagros, Carmen (que casou con Darío Feijóo, titular da droguería anexa á farmacia, de xeito que as súas fillas colaboraron nas tarefas da farmacia) e Mère Magdalena (profesou na orde de San José de Cluny). Casou con Manuel Gómez Vázquez (Ribadavia, funcionario de Correos) e tivo un fillo, Juan Antonio.
Estudos de Primaria e Bacharelato
Fixo os estudos primarios en Chantada, onde naqueles tempos estaba de mestra María Áurea Rodríguez Bouza. Despois completou os seus estudos de Bacharelato no Instituto General y Técnico de Lugo.
Estudos universitarios
Estudou a carreira de Farmacia na Universidade de Santiago de Compostela desde 1928 ata 1933. Recibiu o título en 1939.
Oficina de farmacia
Colexiouse o 9 de febreiro de 1934 co número 39, e exerceu desde entón na oficina de farmacia que colleu en traspaso, nun amplo baixo pertencente á Banca Nogueira, situado na rúa do Progreso de Ribadavia. Dito baixo dispuña de dous espazos: a parte esquerda adicábase a farmacia e a dereita a droguería. Como comentamos anteriormente, o titular da droguería (seu cuñado) tamén exercía de auxiliar da farmacia xunto coa súa filla.
Naquel tempo coexistían en Ribadavia dúas farmacias. A elas acudían xentes de todo o Ribeiro, especialmente os días de feira (o 10 e o 25 de cada mes).
Dado que o Ribeiro é unha comarca vitivinícola, a farmacia ofrecía unha grande cantidade de abonos, sulfatos, xofre e praguicidas en xeral. Nos seus primeiros tempos moitos medicamentos se preparaban con fórmulas maxistrais, que María Concepción preparaba no laboratorio.
Ás veces a farmacia tamén funcionaba como dispensario de urxencia, e alí eran atendidas persoas que sufrían pequenos cortes, desfalecementos, caídas repentinas na rúa, etc.