Un proxecto de Egeria

Mª Luisa Iglesias Losada

Médica xinecóloga. Segunda especialista en Tocoxinecoloxía en Biscaia. Segunda muller médica colexiada en Biscaia.

María Luisa Carmen Evangelina naceu o 7 de setembro de 1904 en Monforte de Lemos, e morreu en Bilbao o 29 de decembro de 1996.

Seus pais foron Waldo Iglesias Marzo (1877, Baracoa, Santa Eulália de Bona, Cuba, propietario en Monforte) e Emilia Losada Prieto (1881, ama de casa). Seus avós paternos foron Florencio Iglesias e Evangelina Marzo (propietarios en Monforte), e os maternos Antonio Losada e Antonia Prieto (Monforte).

Casou con José Lecube Barquín, compañeiro de estudos e de profesión. Tivo tres fillos: José María, Ana María e Luís María.

Estudos de Primaria e Bacharelato

Estuda Primaria en Monforte nas Escolas Pías, onde imparten clase os Pais Escolapios, polo que dito centro é coñecido popularmente como Colexio dos Escolapios.

Ingresa no Instituto General e Técnico de Lugo en xuño de 1919, e alí estudará en ensinanza non oficial, non colexiada, ata 1923, cun expediente sobresaliente.

Estudos universitarios

Cursa estudos de Medicina na Facultade de Santiago entre 1922 e 1928, obtendo Matrícula de Honra no curso 1924-25. Na relación de alumnas avantaxadas tamén figuran María Paz Parada (médica-analista en Ourense) e Olimpia Valencia, segundo o reflicte El Eco de Santiago o 1 de outubro de 1925.

Fixo o exame de grao o 23 de outubro de 1930, e obtivo a cualificación de Sobresaliente. Termina a carreira en xuño de 1930, sendo a única muller da súa promoción (dun total de 47 licenciados).

Carreira profesional

Viviu uns anos en Ustarroz, no val do Roncal (Navarra), onde naceu seu fillo, e onde á familia lle tocou a lotería. Estableceuse despois en Bilbao, onde exerceu como tocoxinecóloga.

O 9 de outubro de 1935 colexiouse en Biscaia como médica especialista en Xinecoloxía e Partos, sendo a segunda muller en facelo nese Colexio. Tivo a consulta na rúa General Concha 3, aínda que utilizou o apelido de seu home.

Deixa uns anos a consulta para adicarse aos fillos, e tamén a causa da Guerra Civil. Pasado un tempo volveu a exercer a Medicina, sendo axudante de Isidoro García Valbuena, un dos máis reputados especialistas de Bilbao.

En 1955 obtivo unha praza de especialista en Xinecoloxía do Seguro Obligatorio de Enfermedad no sector de Bilbao, con consulta no ambulatorio de Barakaldo, no que continuou ata súa xubilación (1974).

En 1962, cando foron regulados os títulos das especialidades médicas, María Luisa solicitou e obtivo o título de especialista en Obstetricia e Xinecoloxía.

Figura o seu itinerario no libro editado polo Colexio de Médicos de Biscaia como a segunda muller médica colexiada nesa provincia, sendo xinecóloga como Ticiana Iturri Landajo, da mesma idade.