Un proxecto de Egeria

  • Lugo

Obdulia Nogueira Santana

Odontóloga.

Naceu en Sandiás (Ourense) o 25 de novembro de 1917, e morreu en Lugo o 12 de febreiro de 2012.

Seus pais foron Delfín Nogueira (Sandiás, comerciante) e Isabel Santana. Tivo tres irmás: Agustina (mestra), Nieves (odontóloga) e Julia (funcionaria de Facenda). Casou con César Díaz Osés en 1952 e tivo dous fillos: Ana María (farmacéutica) e César (odontólogo).

Estudos de Primaria e Bacharelato

Estudou Primaria na escola de Piñeira de Arcos (Ourense), e o Bacharelato no Instituto de Ourense. Cursou ademais a carreira de Maxisterio.

Estudos universitarios

Estudou en Santiago de Compostela os tres cursos de Medicina (1939-42) e despois marchou a Madrid, onde estudou na Escola de Estomatoloxía da Facultade de Medicina. Esta escola, a única en España naqueles tempos, foi inaugurada en 1943 despois de trasladarse desde o vello caserón de San Carlos.

Obdulia acadou o título en 1945, nunha promoción con 49 alumnos, dos que só 6 foron mulleres.

Carreira profesional

Traballou como odontóloga en Ourense coa súa irma Nieves, coa que puxo en marcha unha clínica no barrio da Ponte. Tamén ían traballar a Trives os días de feira.

Foi para Lugo cando casou, e traballou nunha clínica co seu marido na rúa do Progreso. É por este motivo que non a consideramos a primeira en Lugo, xa que Celia Touza foi a primeira en exercer en Lugo.

Traballou na Seguridade Social como odontóloga desde 1984 ata 1987, ano en que se xubilou.

Outros datos

Traballou como empresaria agrícola en granxas de aves e mamíferos. Exerceu tamén de mestra, facendo substitucións en pobos de Ourense, aos que se desprazaba habitualmente en burro.

Asistía con frecuencia a congresos da súa especialidade.