Naceu en San Miguel de Esporiz (Monterroso) o 22 de setembro de 1898, e morreu en Santiago de Compostela o 30 de decembro de 1983.
Seus pais foron Antonio Álvarez Cabana (San Miguel de Esporiz, Monterroso, comerciante) e Filomena Carnero García (Santa María de Casadenaya, Antas de Ulla). Seus avós paternos foron José Alvarez (1858, San Miguel de Esporiz) e Manuela Cabana Antas, e os maternos Domingo Antonio Carnero e Teresa García (Santa María de Casadenaya, Antas de Ulla).
Aos 22 anos ingresou no convento da Orde da Compañía de María en Santiago, tomando o hábito o 2 de maio de 1920 e pronunciando os votos solemnes o 21 de maio de 1925.
Estudos de Primaria e Bacharelato
Fixo os estudos de Primaria na Escola Pública de San Miguel de Esporiz, en Monterroso.
Posteriormente estudou o Bacharelato como alumna interna no Colexio da Compañía de María de Santiago de Compostela, examinándose por libre no Instituto de Enseñanza Media desta cidade.
Estudos superiores
Posteriormente examinouse de Maxisterio por ensinanza libre na Escola Normal de Santiago.
No ano 1932 comezou os seus estudos na Facultade de Ciencias Químicas da Universidade de Santiago, licenciándose en 1936.
Carreira profesional
Impartiu a docencia en varios colexios da Compañía de María, especialmente en Santiago de Compostela, onde foi directora de Estudos desde 1941 ata 1953. Despois estivo en San Fernando, en Hellín, de novo en San Fernando, e en Ferrol, para volver finalmente a Santiago. Adicou toda a súa vida ó ensino como profesora de Bacharelato, sendo moi valorada no desenvolvemento das súas clases e moi apreciada polo seu trato próximo.
A súa preocupación polas mozas e a súa bagaxe universitaria levárona a fundar en 1946 en Santiago o Colexio Maior El Pilar, da Compañía de María, onde foi directora durante varios anos.