Pioneiras de Ciencias en Lugo
Esta sendo unha constante nestas últimas décadas a publicación de libros sobre a historia das mulleres que se adicaron as Ciencias, así como a outras ramas do saber. Nestes textos ponse de manifesto frecuentemente que sempre houbo mulleres que se adicaron á Ciencia e que escribiron tratados sobre a mesma, e que seus coñecementos e escritos foron historiograficamente ocultados ou transcritos por homes.
Outro punto de vista xa aceptado é que elas escribiron libros sobre mulleres, é dicir, que os seus estudos científicos foron transmitidos por outras mulleres, pero estes estudos non se difundiron na forma en que a sociedade lexitimaba o saber e a historia da ciencia, de xeito que se desestimaron e anularon as actividades das mulleres neste campo, así pois todos os escritos parecen novos.
Os estudos actuais xa nos permiten ir coñecendo ás mulleres que no pasado se adicaron a Ciencia. Na presentación do traballo destas mulleres vaise pasando de consideralas como excepcionais, e polo tanto diferentes do resto das mulleres, en certo senso masculinizadas, a valoralas na súa xusta medida.
A situación socio-cultural da Galicia de finais do século XIX e comezos do XX, cun conservadorismo e un clericalismo moi forte, non axudou á incorporación da muller á sociedade moderna que se está a vivir en Europa ou no resto de España. A idea predominante é que a muller debe educarse para cumprir o seu papel de nai, esposa e encargada do fogar.
Con este libro pretendemos dar unha visión da presenza da muller na Universidade, e máis concretamente nas carreiras consideradas de ciencias, mostrar o desenvolvemento da súa actividade profesional, e que así sexa coñecido o seu labor e valorado como merece. Este labor é máis importante e destacado do que poderíamos pensar xa que, como veremos, temos un bo número de mulleres pioneiras que se prepararon e desenvolveron a súa profesión dunha maneira seria e calada, que fixo que pasasen case inadvertidas salvo para as mulleres próximas, parentes ou non, que as tomaron como exemplo para seguir a mesma traxectoria.
Rescatar e poñer en valor a estas pioneiras é contar esa metade da historia que está por contar, así como sentar as bases sobre as que se basearon e desenvolveron os estudos e profesións das mulleres actuais, que nun número pequeno pero importante xa van formando parte do mundo científico e tecnolóxico.
Escribir sobre as mulleres que fixeron carreiras de ciencias en Galicia a finais do século XIX e comezo do XX non é doado. Case non hai datos documentais sobre elas, as referencias nos xornais da época son moi escasas, o que se xunta coas dificultades de obter datos por mor da Lei de Protección de Datos, moitas veces mal entendida. Así, a busca restrínxese a datos achegados por arquivos históricos con datos académicos, que non contan as dificultades atopadas por elas, e os datos achegados por familiares e coñecidos, que moitas veces son escasos e difíciles de obter, por ter pasado máis de cen anos.
Como un aspecto máis do coñecemento destas mulleres imos mostrar os itinerarios das pioneiras de ciencias lucenses.